Saturday 18 de May de 2024

Feijóo apela á reforma das actitudes e sinala que a constitución que se pretende reformar foi posible grazas a que non existiron liñas vermellas


Afirma que non se pecha á reforma constitucional sempre e cando se converta nun punto de encontro e non no combustible do desencontro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou durante a súa intervención no curso de verán da Universidad Complutense de Madrid, á reforma das actitudes e sinalou que a constitución que se pretende reformar foi posible grazas a que non existiron liñas vermellas. “A un e outro lado das Españas houbo enxeñeiros empeñados en tender pontes sobre o abismo” dixo.

“Non me pecho á reforma, sempre e cando se converta nun punto de encontro e non no combustible do desencontro”, precisou, ao tempo que concretou que calquera proceso de reforma ten que cuestionarse que problemas pode provocar e identificou o nominalismo como o principal obstáculo.

Nesa liña, amosou a súa preferencia polos teléfonos vermellos fronte á popularizada expresión liñas vermellas “a liña permanentemente aberta que comunica ás formacións políticas, é esencial para darlle estabilidade a España e embarcarnos na reforma institucional” aseverou.

Por outra parte e referíndose a aquelas formacións que se encadran na chamada nova política, o titular do Goberno galego afirmou que as ditas formacións necesitan marcar territorio e afianzar mellor aos seus seguidores, o que as leva a ser menos versátiles. Así, avogou pola política que non renega da transición, senón que se inspira nela.

Feijóo tamén recorreu a un símil mariñeiro para establecer un paralelismo entre o político e o patrón dunha embarcación, en ambos casos dixo, o deber estará incompleto ata que se chegue ao porto.

Nese punto da súa intervención admitiu que baixo ningún concepto pode ser considerada ou non Galicia nacionalidade histórica en función do grao de mobilización patriótica dos seus cidadáns. O titular da Xunta subliñou dese xeito o erro que supón pensar que o patriotismo é unha exhibición permanente e non un cumprimento tenaz do deber de cada un.

Finalmente, o mandatario galego concluíu inclinándose, en clara alusión ao símbolo e lema da Complutense, polo político-cisne convencido de que a liberdade ilumina todas as cousas e distanciándose do político-avestruz, que segundo precisou, se esconde tras ter desencadeando procesos pouco meditados.